Modelo Atendo

O modelo de atención nos nosos centros de día está baseado nos estilos de actuación dos seus equipos interdisciplinares. Estes estilos son o resultado da formación, estudo e experiencia profesional dos seus membros, nunha idea compartida de como debemos facer as cousas.
O modelo Atendo é a suma dun estilo de atención xeriátrica e un método de intervención que combina os programas tradicionais coa aplicación das novas tecnoloxías ao servizo da estimulación. Toda a acción céntrase na persoa, considerada en toda a súa dimensión (centros de atención xerontolóxica orientados ás persoas) e na axuda aos seus coidadores ou familia, sempre nun ámbito rehabilitador e preventivo.


PLAN E OBXECTIVOS

Nos centros Atendo préstase atención integral a persoas maiores en situación de dificultade, ben sexa por causas médicas (como consecuencia de doenzas crónicas fundamentalmente), por minoración da súa autonomía persoal (perdas funcionais), por algún grao de deterioración cognitiva ou patoloxía psicoxeriátrica (demencias, síntomas condutuais) e/ou por problemática social sobrevida (dificultade familiar para proporcionar atención e coidados).

Ante este perfil de persoa usuaria e no ámbito asistencial dos centros de día, propoñemos un método de traballo propio que a modo de ferramenta nos permita ofrecer unha atención integral e de calidade aos nosos usuarios, e cumprir os obxectivos de actuación formulados.

Os nosos obxectivos asistenciais son:

  • Promover nos usuarios o maior grao de autonomía posible
  • Manter e mellorar as súas capacidades residuais.
  • Favorecer a súa permanencia no ámbito familiar nas mellores condicións e o maior tempo posible.
  • Evitar ou atrasar a institucionalización.
  • Formar, informar e apoiar as familias e coidadores.
  • Ofrecerlles aos familiares e aos usuarios unha referencia que mellore a súa calidade de vida.

CONCEPTOS E DEFINICIÓNS

VALORACIÓN XERIÁTRICA INTEGRAL (en adiante VXI)

Constitúe a ferramenta chave na avaliación das persoas maiores, tanto na atención primaria de saúde coma na atención especializada (onde se orixinou como instrumento básico da xeriatría). Consiste na avaliación do paciente de forma integrada, global e multidimensional desde o punto de vista físico, funcional, mental e social.

A VXI identifica os problemas, a capacidade e as necesidades das persoas maiores para poder despois intervir sobre eles e facer o seguimento dos cambios.

A nosa proposta é integrar a VXI como parte básica dun estilo de atención xeriátrica para cada un dos profesionais do equipo interdisciplinar (persoal médico e non médico), axeitándoa á súa disciplina e ao seu traballo dentro do equipo. É dicir, todo problema detectado ou toda avaliación dunha persoa usuaria realizada por calquera membro do equipo técnico serán considerados desde unha perspectiva estándar cuádrupla: físico-médica, funcional, mental e social. Todos os profesionais coñecerán e manexarán a VXI como sistema de aproximación á atención específica do maior.

Entendemos que o persoal do equipo técnico interdisciplinar pode e debe ser adestrado en traballar coa VXI como ferramenta básica de avaliación e control, adaptándoa a cada competencia profesional (psicólogo, médico, logopedista, fisioterapeuta, traballador social, xerocultores, educador social, etc).

A PERSOA COMO CENTRO DA ATENCIÓN DESDE O RESPECTO

Os nosos centros de día defínense como centros de atención xerontolóxica orientados ás persoas e ao apoio dos seus coidadores ou familia.

Os diagnósticos, as valoracións e os criterios profesionais, que aplicamos de acordo á nosa formación e status dentro dos equipos técnicos, axúdannos a optimizar a avaliación dos problemas, a programar e aplicar as intervencións que cremos máis acaídas. Este bo fin non sempre pode ser asumido e aceptado por persoas maiores con alteracións cognitivas, da percepción, ou emocionalmente afectadas. A miúdo acontece que estes pacientes toleran mal a reorientación, pois baten cunha realidade que lles é allea, e é entón cando as intervencións deveñen en imposicións.

É daquela cando, a organización, os horarios, as rotacións e a optimización dos recursos coliden coa liberdade individual de querer facer outra cousa ou simplemente “non facer o que me mandan”. Precisamente nestes momentos -tan habituais na nosa práctica cotiá- debemos aplicar o respecto individual e adecuar os nosos programas e a nosa organización ás preferencias persoais e á capacidade de tomar decisións das nosas persoas usuarias.

Traballamos con seres humanos en toda a súa dimensión: moral, física, mental, social e cultural. Sobre todo, queremos facer énfase en que toda persoa é única e debe ser tratada como un individuo, na idea de que toda persoa é valiosa por si mesma.

O respecto á persoa usuaria como individuo ha de prevalecer por enriba das nosas consideracións profesionais, diagnósticos e valoracións, e mesmo por enriba de aspectos organizativos ou de ordenación de recursos.

TRABALLO EN EQUIPO INTERDISCIPLINAR. OS EQUIPOS TÉCNICOS

Equipos de traballo: caracterízanse por ter un obxectivo común, pola interdependencia das accións dos seus compoñentes e por aceptar e asumir a existencia de normas de funcionamento. O rendemento e a responsabilidade son compartidos. Presentan un sentimento de pertenza e de cohesión.

Composición do equipo: multidisciplinar, co propósito de ofrecerlle unha atención integral á persoa maior usuaria.

  • Director/coordinador/neuropsicólogo
  • Médico diplomado en Xeriatría
  • Fisioterapeuta
  • Traballador social
  • Logopedista
  • Técnico en integración social
  • Terapeuta Ocupacional
  • Auxiliares xerocultoras
  • Animadores
  • Outros: condutor, podólogo, peiteadora, auxiliar coidador, alumnado

Actitude entre os integrantes do equipo e a organización do centro:

  • Responsabilidade no cumprimento das competencias propias e no labor de equipo.
  • Respecto á organización e aos diferentes status profesionais.
  • Honestidade e sinceridade.
  • Cooperación e confianza no traballo interdisciplinar.
  • Actitude facilitadora e centrada na busca de solucións.
  • Tendencia ao consenso.
  • Mediación en conflitos.
  • Disposición para a innovación e novas perspectivas.
  • Iniciativa, proactividade.
  • Flexibilidade e capacidade de adaptación aos cambios.

Vantaxes do traballo en equipo:

  • Máis e mellores decisións.
  • Accións máis elaboradas.
  • Maior capacidade de innovación e creación.
  • Estímulo para progresar individualmente.

LINGUAXE NON VERBAL, AXUDAS Á COMUNICACIÓN

Existen dúas canles de comunicación fundamentais entre os seres humanos. A canle de comunicación non verbal é de vital importancia na relación cos nosos usuarios, na súa maioría afectos de deterioración cognitiva e con déficits sensoriais en moitos casos.

A comunicación non verbal fai referencia á linguaxe do corpo, á xestualidade, á expresión facial, á postura, aos movementos, á mímica, ao ton, etc. É así como nos transmiten o seu estado emocional.

Canto máis avanzada sexa a demencia, coa comprensión e a expresión alteradas, máis desproporción existirá entre a linguaxe verbal e a expresión non verbal. Nestes casos tomaremos como referencia a linguaxe corporal (“daremos más creto á música ca á letra”).

En todos os casos debemos axustar a nosa comunicación verbal (por medio da linguaxe falada) ao estado cognitivo e sensorial da persoa usuaria. Chega un momento en que é tal a disfunción cognitiva, que o “como llo dicimos” é máis importante ca o “que lle dicimos.”

Técnicas que utilizamos para favorecer a motivación e a comunicación positiva coas persoas usuarias nos nosos centros:

Como norma xeral na comunicación verbal:

  • Dirixirnos á persoa con respecto e boa actitude.
  • Vocalizar correctamente e pronunciar de vagar.
  • Frases curtas e diálogos pausados.
  • Dar tempo para responder e para comprender.
  • Efectuar preguntas pechadas, de resposta sinxela.
  • Evitar corrixir erros decontino.
  • Axudar a atopar a palabra, a comezala ou a retomar o fío.
  • Parafrasear: repetir as palabras ou frases da persoa.

Na comunicación non verbal:

Actitude acaída e positiva, sorriso, expresividade mímica, contacto visual, xestos apropiados, postura relaxada, proximidade sen invadir o seu espazo, ton amable, volume axeitado, non rifar ou corrixir sistematicamente, actitude asertiva, non actuar coma se se aplicase un castigo ou se reprochase.

Cómpre non esquecer que no proceso de evolución dexenerativa de calquera tipo de demencia, a memoria emocional é a última que se perde. Daquela, estas técnicas de axuda á comunicación son imprescindibles.

“Cando non poidas curar, coida”

Nos nosos centros de día as persoas usuarias representan un amplo abano no tocante á súa condición xeral, tanto física coma mental. Trátase non só de coidar (a Real Academia Española (RAE) define este termo como “Poner diligencia, atención e solicitud na ejecución de algo. Asistir, guardar, conservar”), senón de se facer sentir coidado, de transmitir a sensación de estar atendido e ben coidado.

Para isto hai que saber reparar nas necesidades básicas de soporte e tamén axudar en todo aquilo que precise de apoio ou supervisión: desde a hixiene persoal, a alimentación, a mobilización, ata o conforto nos sentimentos de soidade ou medo ao que virá.

Do mesmo xeito, alén de coidar o usuario paciente e facer que o perciba, é vital estar aínda máis próximos á familia e transmitirlle a máxima confiabilidade no servizo actual e a dispoñibilidade para os momentos máis complicados que se poidan aveciñar. É importante asegurarmos a continuidade dos coidados (se cómpre, noutro nivel asistencial) e rebaixar así o grao de angustia, despexando así as dúbidas e a incerteza do mal prognóstico: “cando empeore, cando non se poida mover, cando xa non coma…”

A ATENCIÓN ANTES CA O DIAGNÓSTICO

Empregamos este principio asistencial para salientar a importancia da atención nas persoas maiores.

O avance da tecnoloxía médica é abafante e vai paralelo á diminución do tempo dedicado a cada paciente, ao diálogo coa persoa e á escoita. A entrevista persoal e a atención personalizada son nestes momentos un luxo poucas veces ao alcance. Tanto é así que os pacientes anciáns perciben, malia que lles fagan multitude de probas en aparellos e máquinas, que ninguén lles explica, ninguén os escoita, ninguén os toca (mesmo nin os ve en moitas ocasións, tan atentos que estamos ás pantallas). Nunha palabra, non teñen a sensación de seren atendidos. Os maiores non relacionan o diagnóstico coa aparataxe, senón que o fan logo de seren explorados, consultados e atendidos.

Nun mundo onde os avances tecnolóxicos sanitarios están á orde do día e a medicina técnica é o paradigma en calquera ámbito sanitario, nós queremos salientar que na poboación xeriátrica en moitas ocasións prima a atención sobre o diagnóstico. A percepción de seren atendidos, para chegar con posterioridade ao diagnóstico, é un paso sen o cal as pautas de tratamento ou plans de actuación prescritos terán pouca credibilidade e adherencia. Nós formulamos, pois, unha atención prioritaria que fai énfase no contacto humano e no vínculo afectivo establecido polos profesionais ao interactuarmos cos nosos pacientes.

A FUNCIÓN ANTES CA A CURACIÓN

Mantermos a capacidade funcional é o grande obxectivo que move o noso traballo. Hoxe en día é común que os programas de asistencia sanitaria para as persoas maiores sexan unha extensión na práctica daqueloutros que son ofrecidos aos adultos cuxo obxectivo é a curación dos procesos.

Na atención xeriátrica acontece que as enfermidades tenden á pluripatoloxía, á cronicidade e á incapacidade. Por outra parte, as súas formas de presentación e a súa expresión clínica son distintas nos anciáns, requiren asistencia continuada e precisan de rehabilitación.

Neste ámbito de acumulación de cronicidade a medicina actual sabe controlar, pero non curar. En moitas ocasións é máis importante manter a función antes que procurar curacións inviables.

En demasiadas ocasións prodúcense casos de encarnizamento terapéutico na procura de acadar a curación de graves problemas de saúde en persoas maiores. Estas rematan por perder a capacidade de reserva funcional que lles quedaba e que era abonda para manter un grao de autonomía e unha certa calidade de vida.

UN MÉTODO DE INTERVENCIÓN

O noso método de intervención coas persoas usuarias é o resultado de combinar a aplicación de programas de estimulación e rehabilitación cognitiva tradicionais coa utilización de programas con novas tecnoloxías.

PROGRAMAS TRADICIONAIS OU “DE PAPEL E LAPIS”

1. Terapias funcionais

  • Xerontoximnasia
  • Rehabilitación funcional
  • Programa de mobilizacións
  • Programa de adestramento das actividades da vida diaria (AVD)
  • Psicomotricidade

2. Terapias cognitivas

  • Orientación á realidade
  • Programa de reminiscencia
  • Psicoestimulación
  • Rehabilitación neuropsicolóxica específica (individual)
  • Programa de estimulación sensorial
  • Mentes interactivas (diálogos programados)

3. Terapias psicoafectivas

  • Grupos terapéuticos (terapia de grupo)

4. Terapias socializadoras

  • Ergoterapia.
  • Musicoterapia.
  • Grupos de habilidades sociais e comunicación.
  • Grupos de conversación.
  • Programa de animación en días especiais.

PROGRAMAS CON NOVAS TECNOLOXÍAS

A introdución de novas tecnoloxías mellora a intervención, crea novas habilidades e fomenta un traballo máis afinado.

É un modelo baseado na “sorpresa terapéutica”:

  • Non agardado, pero cun obxectivo rehabilitador.
  • Produce un maior interese e crea expectativa.
  • Produce un maior interese e crea expectativa.
  • Estimula a imaxinación.
  • Rompe a suposta acomodación dos maiores.
  • Permite un mellor control da sesión por parte do terapeuta.
  • Concentra a visión da parte non enferma da persoa e non o seu déficit.

Intervencións específicas e programadas.

Integradas en todos os obradoiros de accións con tecnoloxía

Actividade individual e/ou de grupo (torneos e competicións co emprego da consola WII e Play Station II con EyeToy).

  • Programa Prelingua, para a capacidade respiratoria, o ton e volume da voz
  • Programas de rehabilitación funcional: WII Sports, EyeToy; para o equilibrio (individual e de grupo), Balance board
  • Programas de estimulación cognitiva: JClic, Sebran, presentacións, Internet, fotos e vídeo, enigmas, aforcado, Blocks, Trivial, etc.

Obxectivos do programa coa consola WII:

  • Mellorar a coordinación psicomotriz nos membros superiores.
  • Conseguir maior e mellor mobilidade nos membros superiores.
  • Mellorar a percepción visuoespacial.
  • Xerar a estimulación cognitiva por medio de xogos como o Trivial ou Craneum
  • Mellorar a autoestima ao realizaren actividades con novas tecnoloxías.
  • Gozar a través dunha actividade lúdica, social e con posibilidades rehabilitadoras.

ESQUEMA DE TRABALLO

Avaliación, planificación, intervención e reavaliación proactiva.

Tal e como se expresa no gráfico, o noso modelo segue un esquema de traballo baseado no circuíto:

Avaliar de forma integrada desde o equipo técnico interdisciplinar, usando a ferramenta VXI e os principios asistenciais como guía, identificando problemas e necesidades tanto na persoa maior coma na súa familia coidadora.

Planificar a intervención de xeito personalizado: plan de atención persoal e plan de coidados. Deseño de obxectivos.

Intervir aplicando os programas adaptados á persoa, conxugando métodos tradicionais con programas aplicados con novas tecnoloxías, utilizando a sorpresa terapéutica. Atención e seguimento conxunto conforme ao saber, saber facer e saber estar do equipo interdisciplinar.

Reavaliar de maneira proactiva, sempre á procura de cambios, tanto no día a día como nas xuntanzas de equipo programadas por protocolo. Establecer os cambios segundo os resultados da revisión.

De xeito paralelo, prodúcese o proceso de acollida da persoa usuaria, a súa adaptación ao centro e a súa posterior integración, xunto coa dos seus coidadores familiares que reciben un apoio individualizado e formación colectiva periódica programada.

Internamente o equipo traballa en investigación (estudos, colaboración en ensaios), e innovación e desenvolvemento (programas de intervención, proxectos, técnicas, cambios estratéxicos). A divulgación (cursos, seminarios, guías) e a formación continuada do equipo retroaliméntanse e promoven a progresión constante da innovación.